Friday 03 de May de 2024

Unanimidade do Pleno de Brión para instar á Xunta a que negocie coa Igrexa a retirada das placas aos caídos en Viceso e Bastavales


O pleno aproba o convenio para o parque “Compostela rupestre” e o nomeamento de José Caramés Vázquez como xuíz de paz

A unanimidade foi o fío condutor da sesión plenaria ordinaria de abril en Brión, xa que todos os puntos da orde do día foron aprobados cos votos a favor dos tres grupos municipais presentes: PSOE, PP e non adscritos, xa que o concelleiro do BNG non asistiu á sesión. Así, o pleno aprobou unha moción do concelleiro non adscrito, transaccionada polo Grupo de Goberno, para instar á Xunta de Galicia a que negocie coas autoridades eclesiásticas a retirada das placas en homenaxe aos caídos presentes nas igrexas de Viceso e Bastavales.

O concelleiro non adscrito, Xesús Pena, pedía inicialmente que o Concello de Brión instara á Igrexa a cumprir a Lei de Memoria Histórica, “retirar as placas aos caídos no Bando Nacional” e substituílas no seu caso por “algún monumento a todos os represaliados”. Unha petición ante a que o alcalde de Brión, José Luís Garcia, lembrou que as competencias para facer esa solicitude son da Xunta de Galicia, logo dunha moción aprobada por unanimidade en outubro de 2017 no Parlamento galego.

Por iso, García propuxo cambiar a moción do concelleiro non adscrito por “instar á Xunta de Galicia a que, no marco da moción aprobada polo Parlamento galego en outubro de 2017, negocie coa Igrexa a retirada das placas aos caídos emprazadas nas igrexas de Viceso e Bastavales”. Unha proposta aceptada por Xesús Pena, quen incidiu que “o importante é que se retiren esas placas”.

O alcalde brionés lembrou que o Pleno xa debatira en abril de 2009 unha moción semellante para a retirada da placa de Viceso. “O Arcebispado contestounos que precisaba dunha autorización da Dirección Xeral de Patrimonio e tamén que os posibles afectados se pronunciaran”, explicou José Luís García, quen informou de que “de momento non nos trasladaron ningunha novidade neste proceso”.

Resto da sesión plenaria

Por outra banda, o pleno tamén aprobou unha modificación nun dos proxectos incluídos no POS+2018 (que será un chisco máis económico e se acometerá cunha redución da achega municipal e mantendo a achega da Deputación) e autorizou a sinatura do convenio para a creación do parque “Compostela rupestre”.

Finalmente, o pleno acordou nomear xuíz de paz a José Caramés Vázquez, sendo Vicente Casal Romero o seu substituto. Ademais, deuse o visto bo a unha moción da Alcaldía para a constitución da Mesa de Contratación para os contratos de obras, de carácter permanente e integrada polo alcalde, o secretario e a interventora municipais e un funcionario do municipio. Unha modificación feita ao abeiro da entrada en vigor da Lei 9/2017 de contratos do sector público.